FISTERRA

FISTERRA

domingo, 8 de febrero de 2015

Traballo Gabriel



Historia dos meus avós

Miña avoa (Laura Canosa Casais) naceu na aldea de Mallas (Fisterra), non tivo a oportunidade de estudar porque tiña que traballar e só foi 2 ou 3 meses á escola.

Ás seis da mañá levantábana para ir á praia a “arrastra-la arte”, é dicir, traer un aparello que estaba no mar ata a terra.Tamén ía a Fisterra, a Corcubión e a Cee a vender; levaba nun cesto na cabeza leite, patacas e verduras. A cantidade que vendían variaba moito, se a xente na vila tiña moita necesidade vendían moito e ás veces a xente estaba xa na entrada da vila esperando por elas, pero outras veces vendía tan pouco que tiña que estar agardando na praza ata vender o que tiña.

Adoitaban comer caldo ou cocido, se non había moitas patacas facían sopas con fariña e leite. O pan facíano semanalmente nas casas, case todas as persoas posuían un forno de pedra onde facían pan de millo (broa); primeiro moían o millo e quentaban o forno, despois poñían a masa no forno enriba de verdura e deixábano cocer toda a noite. Ademais a miña bisavoa preparaba unhas bolas pequenas para darlle aos nenos que lle poñían dentro chicharóns.

Pola tarde ía ao monte ou ao terreo, onde traballaba case toda a tarde plantando, sachando ou apañando patacas e verduras. Pola noite, en verán, os veciños reuníanse a falar do que fixeran, das novidades, da xente, etc. e a cantar e bailar. Tamén ía ao boliche á praia e os mariñeiros dábanlle xurelos e outros peixes. Para durmir eran varios na mesma cama e non había moita roupa para taparse.

Cando creceu foise a vivir a aldea das Escaselas á casa dun tío, estando alí coñeceu a meu avó (Juan Martínez Lado) e casou con el. Como a casa do seu tío xa estaba moi vella tivéronse que mudar a outra que fixeron na mesma aldea, pero máis preto da estrada. Co que gañaban non tiñan suficientes cartos para rematala, entón tiveron que irse a traballar a Alemaña; alí encontraron traballo na industria, meu avó nunha fábrica de madeiras, onde traballaban a madeira para construír portas, ventás, etc. e miña avoa nunha fábrica de lacas. Con este traballo só gañaban tres marcos á hora (un euro e cincuenta céntimos á hora) e ademais comezaban ás sete da mañá e remataban ás catro da tarde (nove horas).

Cando volveron a a España tiveron tres fillos máis, todos os fillos foron á escola, á de San Martiño de Arriba e despois miña tía ao Manuela Rial en Cee e meus tíos e meu pai ao colexio Nosa Señora de Carme de Fisterra.

Montaron unha tenda de ultramarinos que máis tarde converteríase no Supermercado Laura, e meu avó ía ao mar. Despois pasaron os anos e deixaron de ocuparse de todo iso para deixar aos fillos, aínda que agora seguen indo ao terreo e coidando dos animais.

 

 

 

 

 

 

A miña outra avoa ( Concepción Velay Fernández) naceu en Fisterra, na calle da Cerca no seo dunha familia moi numerosa, o seu pai traballaba nunha panadería e tiña xente para axudarlle a traballar as súas terras e a súa nai coidaba dos fillos e da casa.

Os estudos de primaria realizounos en Fisterra, onde houbo cinco escolas( dúas para nenas, dúas para nenos e unha mixta) todas elas unitarias, alí estudaban as enciclopedias que o profesor tiña. Nesas escolas ás veces organizaban festivais, teatro, saídas ao campo ou á praia... nos recreos e no tempo de lecer adoitaban entreterse con diferentes xogos tales como: saltar á corda, ao cadro que debuxaban nas pedras da calle, a correr e esconderse, á tornilla, a bailar en roda, á mariola ou ás casetas.Cursou estudos superiores en Ferrol e na Coruña.

Destácase dela unha participación moi activa en actos culturais e relixiosos dende moi curta idade. Aos catro anos xa comezou a recitar fermosos poemas, que foron medrando en extensión a medida que ela ía cumprindo anos, así os seus versos ían dedicados indistintamente ao Altísimo, a Virxe, ao Gobernador da provincia e outras autoridades, aos veciños do pobo, etc. por esa época os seus veciños puideron gozar do seu talento como anxo da resurrección, María Magdalena no Santo Enterro e na resurrección, artista nos teatros colaborando coas diferentes compañías de teatro que pasaban pola vila... unha desas representacións consistiu nunha oda á Virxe María (papel interpretado por ela) na que outras nenas da vila ían vestidas representando ás diferentes rexións de España (Cataluña, Andalucía, Aragón, Galicia...) e recitaban versos para homenaxeala.

Na época dos meus avós eran normais unha serie de costumes que agora poderían parecernos cando menos algo raras, por exemplo:

-Se querías ir comulgar tiñas que xaxuar desde a noite anterior

-Cando unha persoa estaba moi enferma, ou case nas últimas, ía o párroco para darlle a extrema unción acompañado por dous acólitos, pero fóra do cuarto do enfermo permanecían outras persoas que respondían cando o cura en voz moi alta ratificaba a fe do doente, que en moitos casos xa non tiña folgos para contestarlle.

-Durante a Semana Santa a xente da vila tiña que manter unha actitude de loito ata que fora anunciada a resurrección de Cristo, non podendo ter verbena ata pasadas as doce da noite do sábado maior, nin oír música polos bares, etc.

-O día de Reis saían todos os nenos á calle orgullosos dos seus agasallos que adoitaban ser bonecas, carriños, cociñas de xoguete... para as nenas e coches, bicicletas, pistolas, etc. para os nenos. Logo ían á misa cos seus xoguetes e a ledicia duráballe moito xa que era o único día do ano no que recibían xoguetes.

-No verán ían á praia sempre que podían e había moito costume de nadar ata conseguir “bicar o faro”, isto é: nadar tan lonxe como fose necesario para poder velo.

-O último domingo de xullo celebrábase a festa da praia na Langosteira polo cal antes de nada era case obrigatorio a parada na casa do “Jaián” para mercar os chancos, non fora ser que picase un escorpión e amolase o día. Ían cargados para a praia con tortillas, bistés, empanadas e outros alimentos para pasar un animado día no que non faltaba a media mañá a misa, e, logo da comida, mentres se facía a dixestión, diversas actuacións de espontáneos e xogos populares tales como carreiras de sacos, tirar da corda, etc. Todo isto xunto cos baños facían de este o domingo máis divertido do verán.

-Nas festas aos mozos gustáballe sacar as mozas a bailar, e, moitas veces tiña que convencelas regalándolles caramelos 

- Os xogos cos que se divertían os nenos adoitaban ter unha época determinada do ano, así había temporada de xogar á corda, outra de saltar na goma,o cadro, outra de xogar ás “vaqueradas”  ou, no caso das nenas ás casetas; noutra época construían os rapaces os seus propios carros con táboas de madeira que moitas veces collían polo porto das caixas do peixe rompidas e para as rodas usaban as que poñían nos aparellos; con estes “vehículos” baixaban polas costas a toda velocidade. Tiña tamén a súa época o xogo do “tirabolos” que facían utilizando un pau longo, varias gomas entrelazadas e pinzas da roupa e co que a miúdo se metían en problemas, xa que tanto podían mancar ás rapazas como romper un cristal, etc.

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario